Talentia Summit regresa cunha nova edición cargada de novidades, cun formato híbrido que busca proporcionar ferramentas, contactos e formación para que os participantes poidan desenvolver todo o seu potencial profesional.
Organizado polo Concello de Santiago, este evento consolidouse como a maior feira virtual de emprego en Galicia e unha das referencias a nivel nacional, destacando pola súa oferta formativa e a numerosa participación de importantes empresas. Unha feira cun enfoque práctico, accesible e completamente gratuito.
Este ano, será do 12 ao 15 de novembro, Talentia Summit 2024 celebrará unha inauguración presencial o martes 12 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Este foro de conferencias estratéxicas “Persoas con propósito impulsando a innovación”, a cargo de expertos e expertas de recoñecido prestixio, que compartirán a súa visión sobre os retos e oportunidades no mercado laboral actual, e abordarán temas como a dixitalización, as claves para o éxito organizacional, a conciliación laboral e as novas tendencias en captación de talento.
Conscientes da diversidade xeracional no mercado laboral, Talentia Summit 2024 aposta por conectar con públicos de diferentes idades e traxectorias. Unha campaña de comunicación que xoga cos tópicos e clichés do mundo do traballo, como a experiencia laboral “infinita” que se pide a xente nova ou as dificultades para atopar estabilidade, busca atraer o público xuvenil e conectar coa súa realidade, xerando así un espazo no que as xeracións máis novas poidan atopar oportunidades de desenvolvemento profesional que se axusten ás súas expectativas e necesidades.
Unha feira virtual de emprego con actividades para todos os sectores profesionais e moitas empresas participantes
A feira de emprego, desenvolverase nun formato totalmente virtual. Este espazo dixital estará dispoñible para que os asistentes poidan explorar as oportunidades laborais que ofrecen empresas de referencia en múltiples sectores, contactar directamente cos seus responsables de selección, e participar en entrevistas online, webinars e actividades de networking sen necesidade de desprazarse.
Unha das apostas de Talentia Summit 2024 é que calquera persoa interesada, poida mellorar as súas competencias e ter acceso ás mellores oportunidades de emprego e formación.
Máis de 3.000 prazas en cursos online e certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas
Talentia Summit 2024 ofrece unha ampla oferta formativa de máis de 3000 prazas en cursos online e certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas. Entre os recursos dispoñibles destacan os cursos de LinkedIn Learning, cunha licenza temporal que permitirá acceder a máis de 15.000 cursos da plataforma en temas tan diversos como desenvolvemento persoal, xestión de proxectos, programación ou deseño gráfico.
Novidades destacadas: Talentia IT Skills, un programa formativo cunha certificación oficial tecnolóxica con gran demanda laboral
Entre as novidades que presenta esta edición destaca o Talentia IT Skills Program, un programa de formación e certificacións en tecnoloxía que busca cubrir a crecente demanda de perfís tecnolóxicos
Este programa ofrece formación oficial en áreas clave como Cloud Computing, Big Data, Intelixencia Artificial, Ciberseguridade, Redes e Programación con cursos de fabricantes e institucións de referencia, como Microsoft, Meta, Cisco Networking Academy e Python Institute.
Ao finalizar, os participantes deste programa, poderán realizar unha práctica para ir con máis seguridade ao exame de certificación oficial, validando así os coñecementos adquiridos e mellorando as súas oportunidades no mercado laboral. Estes cursos están deseñados tanto para persoas en fase de reciclaxe profesional como para aquelas que desexen dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico, sen requirir unha gran experiencia previa.
Oportunidades de networking e interacción directa coas empresas
A través dos stands virtuais, os asistentes poderán acceder a información detallada sobre as empresas participantes, así como interactuar cos seus responsables de selección. Estes encontros en liña permitirán coñecer de primeira man as ofertas de emprego dispoñibles, os perfís máis demandados e as expectativas de cada organización. A feira contará tamén con dinámicas de grupo e talleres prácticos, onde os asistentes poderán pór en práctica habilidades clave no contexto laboral e participar en procesos de selección en tempo real.
Mentorías e certificacións oficiais de Inglés A2, B1, B2 y C1 de Oxford Test of English para reforzar o perfil profesional
Outra das apostas de Talentia Summit 2024 son as sesións de mentoría, onde expertos en desenvolvemento profesional orientarán persoalmente aos asistentes para resolver dúbidas sobre a súa carreira, identificar as súas fortalezas e mellorar a súa empregabilidade.
Ademais, Talentia tamén ofrece a opción de obter certificacións oficiais, como o Oxford Test of English, unha certificación recoñecida polo MCERL para os niveis A2, B1, B2 e C1, que permitirá aos asistentes validar o seu nivel de inglés e mellorar o seu perfil.