O Concello de Santiago lanza a campaña “Cambia o mood: activa o modo bosque” para celebrar o Día Internacional dos Bosques o próximo 21 de marzo de 2021, unha data promovida polas Nacións Unidas. Esta campaña pretende difundir fundamentalmente entre a xuventude de Santiago de Compostela a relevancia dos bosques empregando as redes sociais e outras accións transmedia que buscan conectar aos máis xóvenes coa importancia dos bosques para xerar conciencia respecto ao seu papel fundamental para o benestar.
“Cambia o mood: activa o modo bosque” plantará unha árbore por cada foto compartida con #1foto1arbore
Os bosques cobren un terzo da superficie terrestre e son fundamentais para combater o cambio climático, contribúen significativamente ao beneficio das xeracións presentes e futuras. Exercen un papel fundamental na erradicación da pobreza e o logro de metas de desenvolvemento, incluídos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
Cando bebemos un vaso de auga, escribimos nun caderno, tomamos medicamentos para a febre ou construímos unha casa, non sempre relacionamos estas accións cos bosques. Sen embargo, estes e moitos outros aspectos das nosas vidas están vinculados aos bosques. Ademais, os bosques albergan máis do 80% das especies animais e vexetais.
Santiago de Compostela atesoura un importante patrimonio vexetal desde o Monte Pedroso, pasando polo Monte do Gozo ata o Monte Viso. Espazos verdes abertos e pechados, parques, sendas e roteiros fan de Compostela un referente en canto á cantidade e calidade de zonas naturais, que suman máis de 5.000.000 metros cadrados dentro do municipio.
Tendo en conta soamente a superficie de titularidade municipal, teríamos máis de 30 metros cadrados de espazos verdes por habitante, moi por riba das indicacións da OMS que recomenda uns 10-15 metros cadrados por habitante.
Por cada foto plantaremos unha árbore, vai en serio.
A campaña está orientada a involucrar e concienciar aos cidadáns máis novos da importancia de vivir nun entorno verde, respectando e coidando as especies autóctonas do mesmo xeito que elas coidan de nós.
Entre as accións eixo desta campaña, está o movemento en redes sociais #1foto1arbore que desde o seu lanzamento, hai so dous días, leva xa máis de 200 imaxes compartidas en instagram co hashtag da campaña.
Por cada foto, o Concello de Santiago plantará unha árbore. A labor de plantación será realizada mediante o Obradoiro de Emprego Creas III, na especialidade de repoboación forestal. Plantaránse carballos e bidueiros na finca municipal de A Remuiña e tamén no Monte Viso. Así que, xa sabes, activa o modo bosque!
Ti tamén podes poñer unha semente e facer realidade a plantación de árbores autóctonas. As túas fotos plantan árbores, vai en serio!
Ademais nos vindeiros días tamén se instalará un atractivo photocall de neón de 5 metros de ancho por 3 de alto, preto da Porta dos Leóns que da entrada ao Paseo da Ferradura na Alameda. Será un espazo aberto á creatividade de todas e todos os que non queiran desaproveitar a oportunidade de facerse unha foto curiosa e diferente ao mesmo tempo que están plantando unha nova árbore.
As fotos máis impactantes compartidas co hashtag #1foto1arbore serán expostas polas principais rúas do ensanche da cidade, empregando como soporte as propias árbores urbanas, para así reivindicar o seu papel fundamental.
Nesta campaña dirixida fundamentalmente aos máis novos, os xóvenes de idades comprendidas entre os 16 e 35 anos de Santiago, son os protagonistas dun manifesto xuvenil onde fan súas as principais metas desta campaña polo Día internacional dos Bosques, este 21 de marzo de 2021.
Cambia o mood, activa o modo bosque