Será un gran encontro de profesionais que pon o foco no talento e o emprego, co obxectivo de promover o desenvolvemento e recrutamento de talento en Galicia.
Asistirán máis de 100 importantes empresas e destacadas personalidades como a Ministra de economía Nadia Calviño, Paul Tran, Director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera (Estrella Galicia) ou Sonia Mulero, Directora da Fundación Banc Sabadell.
O próximo luns 21 de outubro de 2019 comeza Talentia Summit ’19 cunha duración de tres días consecutivos. Un gran evento promovido dende a corporación municipal de Santiago que pretende ser un referente a nivel nacional respecto á xestión e o desenvolvemento do talento e o emprego.
A capital de Galicia acollerá a máis de medio centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia a nivel nacional. Talentia Summit ’19 contará cunha gran diversidade de actividades:
- Luns 21 de outubro: Xornada de apertura de conferencias estratéxicas, no Auditorio de Galicia
- Martes 22 e mércores 23 de outubro: Feira aberta e actividades para a potenciación do talento e o emprego, no Palacio de Congresos y Exposiciones de Galicia.
O cume galego do talento presentou os seus tres grandes obxectiivos para esta nova edición:
- Promover o talento e o emprego
- Profundizar no impacto sobre o emprego da transformación dixital
- Promover a creación de emprego sustentable e o compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), Axenda ONU 2030
Nun mundo en constante cambio, o talento é e será a chave para definir e alcanzar os grandes retos da sociedade. Esta edición porá o foco en como afecta a “transformación dixital” ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Para profundizar sobre este horizonte estará presente como ponente no foro Federico Buyolo, Director Xeral da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para a Axenda 2030.
A chave deste encontro será potenciar o talento, reunindo e dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento. Doutra banda, os participantes poderán presentarse ante os responsables de recrutamento de empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego.
Durante os próximos días daranse a coñecer moitos máis detalles e publicarase a oferta de actividades dispoñibles. O día 23 de setembro abrirase o prazo para reserva de prazas a través da web 2019.talentiasummit.com. Desde a organización prevén superar as 3.500 persoas asistentes que participaron na edición do pasado ano polo que avisan de que as prazas se completarán axiña.